sábado, 22 de febreiro de 2014

Sei dun País...

Este blog nace sen pretensións, tenta ser o caderno de notas que sempre tiven nun espazo diferente. Por aquí aparecerán dende traballos ou experiencias miñas na fotografía e no deseño até pequenos textos, aos que tamén lle poderei chamar experimentos. Tamén pode aparecer cousas que me asombren, cousas que me emocionen, divirtan ou intranquilicen sexan ou non, estea ou non relacionado con elas.
Tan só intentarei seguir unha premisa que tamén sigo no meu día a día, o bo gusto e a beleza deberán primar neste espazo. Sei que a beleza é como todo, depende de quen percibe a mensaxe. Por tanto rectifico sen rectificar para dicir que a miña premisa será o que para min, para a miña percepción e sentidos considero bo gusto e beleza.
De seguido reproduzo un fermosísimo poema, cuxo título, dá nome a este blog. Trátase de "Sei dun país..." do poeta chairego Manuel María.

Sei dun País...  
Sei dun país que existe e non existe: 
é unha patria terreal e humana 
que envellece comigo día a día. 
Teño na lembranza o seu recendo 
a terra húmida, rosas e loureiro. 
Habito as súas cidades exemplares 
feitas de amor, dor e pedra grá 
con árbores e rúas silandeiras 
que van desembocar a prazas íntimas 
de nomes de estrela ou andoriña. 
Nos meus ollos levo as súas paisaxes, 
a máxica xeometría das súas casas, 
o seu ceo limpo, azul-grisento, 
sucado de leves nubes camiñantes, 
de brétemas vagas como anceios 
e luceiros que queiman como brasas. 
Nos meus ouvidos gardo o son sutil 
do vento cantando nos carballos, 
o musical murmurio dos seus ríos, 
o berro escuro e forte dos seus mares 
e os versos que din as arboredas. 
Esta patria existe. Eu vivo nela. 
Non ten odios, rancores nin envexas. 
Nunca souben, nin sei, o nome seu. 
Mais cando desexo nomear a este país 
os meus beizos énchense de luz 
e, dende o fondo do ser, digo: SALETA. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario