Por casualidade, fedellando por Youtube, atopei o concerto de Milladoiro que deixo no blogue. Corresponde ao que deron co gallo do seu 30 aniversario no teatro Rosalía de Castro da Coruña e que titularon Desde Maeloc...
Que dicir deste grupo? Eu son dunha xeración na que a súa música supuxo o reencontro coas raíces, o orgullo pola nosa música e o sentemento de que sendo galegos, sendo galegas, fachendeando do noso, podiamos ir polo mundo adiante coa cabeza ben ergueita e pregoando Son galego, son dunha terra cunha grandísima historia e cun gran futuro a pesares de todos os intentos -os de onte, os de hoxe... e os que virán- de negársenos a nosa cultura, a nosa propia memoria, en definitiva, a nosa identidade.
Ogallá poida haber outros 30 anos de Milladoiro o mesmo que, como mínimo, mil anos máis dunha Galiza con conciencia de seu.
Para quen non sexades tan seareiros deste grupo, para que vos interesedes por el, copio deseguido a entrada da galipedia sobre Milladoiro
Milladoiro é un grupo musical galego de folk, creado no
ano 1979. Está considerado como o máis internacional dos
grupos galegos, e un dos máis importantes investigadores de novas
sonoridades para o folk galego.
Historia
O grupo orixinouse
cando Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Ramón García Rei, membros de Faíscas do
Xiabre, xuntáronse con Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Estes últimos xa publicaran un disco co título
de Milladoiro, de referencias medievais, no que colaborara Ferreirós. Así mesmo,
Seoane e Romaní colaboraran con Faíscas no seu disco In memoriam.
A formación completaríase con Xosé A. Méndez,
frautista procedente da música de cámara, e Laura Quintillán,
violinista de orixe uruguaia. A súa primeira actuación foi o 15 de maio de 1979,
no auditorio do Colexio dos Salesianos, e nese mesmo ano editarían no seu
primeiro disco, A Galicia de Maeloc, cun
repertorio artellado a base de música galega tradicional, composicións
irlandesas e música composta polo propio Seoane.
Durante os anos o
grupo foi evolucionando cara a unha música cada vez máis elaborada, de aspecto
clásico, pero que mantén as súas referencias na música galega. Moitos dos seus
traballos son resultado de encargos para institucións, bandas sonoras de
películas ou música para exposicións, nos que tamén deixa pegada o folclore
galego e irlandés. Os seus discos e directos manteñen a alternancia entre o
repertorio máis folk e as pezas de carácter máis concertista. Milladoiro está
considerado como un dos pioneiros da modernidade no folk galego, innovando nas
combinacións instrumentais pouco habituais, ou sendo o primeiro grupo folk que
gravou música acompañados de pandereteiras.
O grupo ten
colaborado con artistas como Paul Winter, Bill Whelan, Ana Belén, Paddy Moloney, Olga Cepa, Oskorri, Kathy Mattea, Susana Seivane, Anxo Pintos, Eileen Ivers, Rhonda Larson ou Liam O'Flynn.
O grupo colaborou así mesmo nun episodio da serie Os celtas divírtense,
gravado pola BBC en Galicia e Escocia.
Máis
información: Galipedia ou na web de Milladoiro
Ningún comentario:
Publicar un comentario