Amosando publicacións coa etiqueta persoeiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta persoeiros. Amosar todas as publicacións

sábado, 7 de marzo de 2015

Os 30 e pico anos de Milladoiro

Por casualidade, fedellando por Youtube, atopei o concerto de Milladoiro que deixo no blogue. Corresponde ao que deron co gallo do seu 30 aniversario no teatro Rosalía de Castro da Coruña e que titularon Desde Maeloc...
Que dicir deste grupo? Eu son dunha xeración na que a súa música supuxo o reencontro coas raíces, o orgullo pola nosa música e o sentemento de que sendo galegos, sendo galegas, fachendeando do noso, podiamos ir polo mundo adiante coa cabeza ben ergueita e pregoando Son galego, son dunha terra cunha grandísima historia e cun gran futuro a pesares de todos os intentos -os de onte, os de hoxe... e os que virán- de negársenos a nosa cultura, a nosa propia memoria, en definitiva, a nosa identidade.
Ogallá poida haber outros 30 anos de Milladoiro o mesmo que, como mínimo, mil anos máis dunha Galiza con conciencia de seu.
Para quen non sexades tan seareiros deste grupo, para que vos interesedes por el, copio deseguido a entrada da galipedia sobre Milladoiro


Milladoiro é un grupo musical galego de folk, creado no ano 1979. Está considerado como o máis internacional dos grupos galegos, e un dos máis importantes investigadores de novas sonoridades para o folk galego.

Historia
O grupo orixinouse cando Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Ramón García Rei, membros de Faíscas do Xiabre, xuntáronse con Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Estes últimos xa publicaran un disco co título de Milladoiro, de referencias medievais, no que colaborara Ferreirós. Así mesmo, Seoane e Romaní colaboraran con Faíscas no seu disco In memoriam. A formación completaríase con Xosé A. Méndez, frautista procedente da música de cámara, e Laura Quintillán, violinista de orixe uruguaia. A súa primeira actuación foi o 15 de maio de 1979, no auditorio do Colexio dos Salesianos, e nese mesmo ano editarían no seu primeiro disco, A Galicia de Maeloc, cun repertorio artellado a base de música galega tradicional, composicións irlandesas e música composta polo propio Seoane.
Durante os anos o grupo foi evolucionando cara a unha música cada vez máis elaborada, de aspecto clásico, pero que mantén as súas referencias na música galega. Moitos dos seus traballos son resultado de encargos para institucións, bandas sonoras de películas ou música para exposicións, nos que tamén deixa pegada o folclore galego e irlandés. Os seus discos e directos manteñen a alternancia entre o repertorio máis folk e as pezas de carácter máis concertista. Milladoiro está considerado como un dos pioneiros da modernidade no folk galego, innovando nas combinacións instrumentais pouco habituais, ou sendo o primeiro grupo folk que gravou música acompañados de pandereteiras.
O grupo ten colaborado con artistas como Paul WinterBill WhelanAna BelénPaddy MoloneyOlga CepaOskorriKathy MatteaSusana SeivaneAnxo PintosEileen IversRhonda Larson ou Liam O'Flynn. O grupo colaborou así mesmo nun episodio da serie Os celtas divírtense, gravado pola BBC en Galicia e Escocia.

Máis información: Galipedia ou na web de Milladoiro

luns, 23 de febreiro de 2015

Desenhando. 24 de Febreiro, Día de Rosalía de Castro.

A miña homenaxe particular dende o facebook de OZOCOgz.








Desenhando. Cuarto minguante

Por encarga dos organizadores encargouseme o deseño do cartaz para publicitar a presentación pública da primeira novela de Bautista Álvarez, escritor, fundador da organización política Unión do Povo Galego.
"Cuarto minguante" é o título desta excelente novela da que traslado aquí o resumo que figura na web da editorial Xerais:

"Ismael, o coxiñoIsmael, o coxiño, o fillo da Rosaura da casa dos Boullosas, pasou aos catorce anos da escola de Andrade á de Santomé, onde aprendeu o manexo da tesoira e da agulla, habilidades propias do oficio de xastre. O enterro do seu avó, a quen lle preparou o primeiro traxe, foi o escaparate que lle permitiu comezar a contar con clientes na súa parroquia e despois tamén nas aldeas limítrofes. A cousa non empezaba mal. Porén, a división da herdanza familiar, obrigouno a coller outro camiño. O 5 de agosto de 1955, saíu do porto de Vigo a bordo do transatlántico Santa María rumbo ao porto da Guaira de Caracas. Iniciaba así Ismael o seu percorrido emigrante que o levaría despois a Brasil e Arxentina e, máis tarde, de regreso á outra beira do Atlántico, a aquela primeira Suíza dos galegos.Nunha prosa gozosa e vibrante, labrada cunha lingua de inequívoca estirpe popular, e cunha presenza constante dun humor sutilmente retranqueiro, Bautista Álvarez reconstrúe nesta súa novela alboral os vieiros da emigración galega da segunda metade do século XX, unha epopea colectiva merecente de ser rescatada do esquecemento".

Lectura recomendábel cen por cen.



luns, 24 de febreiro de 2014

24 de febreiro Día de Rosalía

Hoxe é 24 de febreiro, para min, dende hai uns anos, Día NACIONAL de Rosalía.
Non hai moito máis que dicir que o que di a rapazada dos vídeos que van deseguido. Son vídeos de diferentes anos como exemplos dos centos de actividades que o profesorado fai para sementar nos máis cativos o amor pola nosa fala, pola nosa cultura, pola nosa Nación.
Téñolle especial cariño aos dous primeiros por seren nenos e nenas da miña comarca e ao último, se queredes e perdoade, polo insólito - exótico. Son nenos irlandeses.


domingo, 23 de febreiro de 2014

Documentário "Não me obriguem a vir para rua gritar"

Vaia este documentario como homenaxe a grandísimo José Afonso "Zeca" no aniversario da súa perda, o 23 de febreiro do 1987.


Zeca Afonso. O Home e a Obra marcaron a toda unha xeración de portugueses. E deixaron unha herdanza social e cultural ás xeracións seguintes. Todos temos algo de Zeca Afonso, un home cuxo xenio ultrapasa calquera época ou catalogación. Un home cuxa mensaxe se vehicula por letras que se revelan sempre actuais.

"Eu sou aquilo que fiz". Este programa de homenaxe ao Zeca Afonso é unha retribución por todo aquilo que el nos deu.

A SubFilmes convidou por iso varios artistas de áreas criativas contemporáneas para criaren unha obra de arte especialmente para o Zeca Afonso un filme, unha música, un deseño, unha animación de motion graphics. Será esa a interpretación, a homenaxe, o tributo de cada un destes artistas.
Así, podemos ter unha colaxe dun artista de street art, unha reinterpretación dun tema do Zeca ou unha produción de teatro. Rádio Macau, Nancy Vieira, Couple Coffee, Vicious 5, Raquel Tavares na música; a compañia de teatro Primeiros Sintomas; a dupla de videojamming Daltonic Brothers; Target e Mosaik no street art; Quebra-Diskos no turntablism; etc.

Alén diso, graváronse varias tertulias, cuxa conversa xira sobor da importancia do Zeca encanto músico e activista, mais principalmente á volta da figura humana que foi o Zeca.

A aposta forte deste programa reside nunha abordaxe de contidos que pretende captar por un lado a actualidade da mensaxe do Zeca e por outro a faceta máis humana da súa vida.




sábado, 22 de febreiro de 2014

Carlos Velo, "Galicia" e Ispaniya

Nunha entrada anterior fíxenme eco do filme Ispaniya. Destacaba a importancia do mesmo como testemuña da cruenta guerra incivil que padeceron/mos e tamén subliñei que aparecían unhas imaxes interesantísimas da Galiza de entón.
O que eu non sabía é que, senón todas, parte desas imaxes galegas foron rodadas por Carlos Velo. O "culpábel" de que eu caise na conta foi un amigo galego dende o Xapón (unha das marabillosas cousas que ten este enredo enredante da Internet) que, casualmente, estivera vendo o filme "Galicia" de Velo o día anterior.




Eu, aínda que sabía de "Galicia" nunca a vira, é (era) unha desas cousiñas que van ficando pendentes para unha ocasión con máis tempo. Supoño que a todos/as nos pasa isto. Busquei "Galicia" grazas á ligazón deste amigo e... aí estaban as imaxes que os rusos empregaron para unha parte de Ispaniya.
Sobre Carlos Velo non vou falar. Hai suficiente información na "rede" como para aforrarvos o tempo de lerme a min.

O que si imos poñer para deleite de todos e de todas é o filme Galicia, impresionante testemuña daquela Galiza que xa foi.

Desenhando. 24 de febreiro. DÍA de ROSALÍA

Este cartaz fíxeno, como se pode ver, para conmemorarmos o Día de Rosalía

Ás seis da tarde, dende o Casino do Carballiño (diante del, na rúa) imos sacar un micro e un altofalante e comezar a ler poemas de Rosalía implicando á xente que, nese momento, pase por alí. Para facer algo máis de ruído vai estar acompañándonos un gaiteiro ou unha gaiteira que interprete a "Alborada de Rosalía" e algunha peza máis.

De entrarlle aos/ás viandantes para que colaboren xorde a idea do nome da celebración: ASALTO ROSALIANO.





Rosalía de Castro sempre me trae ao maxín a lembranza de ser a autora do primeiro libro en galego que tiven nas mans. A miña xeración, a xente que andamos arredor dos 50, aniño arriba aniño abaixo somos quizais a última xeración cega, xorda e, en ocasións, muda cara á súa cultura porque, simplesmente, no ensino non existía e o que tiñamos arredor, nenos como eramos, non o viamos como cultura.

Agora tamén se pretende volver a negar o que somos máis as ferramentas, as armas, os medios para loitar contra diso son máis e están máis repartidas.

Ao que ía, lembro ese libriño, un "Follas Novas" que me emprestara un bo amigo, como algo insólito. Lembro tamén como o non ter costume, hábito de ler en galego me levaba á tradución mental inmediata ao español, como aínda fago hoxe co francés por ser o español a lingua na que asentei esa lingua no estudo... e mira que fago esforzos por traducir ao galego...

Menos enredarme e vaia a miña homenaxe particular a Rosalía no poema e na música que vai deseguido.

Xan

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai á misa cos nenos,
e fái o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.

Pepa, a fertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentras seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira se hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
traillo en baixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera antre as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:
-Por Dios non barulles moito...
que me estou mesmo morrendo.
-¿Pois que tes, ña mulleriña?
-¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio...
-Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentras os meniños deito.

De bágoas se enchen os ollos,
de Xan ó ver tales feitos;
mas non temás, que antre mil,
n'hai máis que un anxo antre os demos,
n'hai máis que un atormentado
antre mil que dan tormentos.





Sei dun País...

Este blog nace sen pretensións, tenta ser o caderno de notas que sempre tiven nun espazo diferente. Por aquí aparecerán dende traballos ou experiencias miñas na fotografía e no deseño até pequenos textos, aos que tamén lle poderei chamar experimentos. Tamén pode aparecer cousas que me asombren, cousas que me emocionen, divirtan ou intranquilicen sexan ou non, estea ou non relacionado con elas.
Tan só intentarei seguir unha premisa que tamén sigo no meu día a día, o bo gusto e a beleza deberán primar neste espazo. Sei que a beleza é como todo, depende de quen percibe a mensaxe. Por tanto rectifico sen rectificar para dicir que a miña premisa será o que para min, para a miña percepción e sentidos considero bo gusto e beleza.
De seguido reproduzo un fermosísimo poema, cuxo título, dá nome a este blog. Trátase de "Sei dun país..." do poeta chairego Manuel María.

Sei dun País...  
Sei dun país que existe e non existe: 
é unha patria terreal e humana 
que envellece comigo día a día. 
Teño na lembranza o seu recendo 
a terra húmida, rosas e loureiro. 
Habito as súas cidades exemplares 
feitas de amor, dor e pedra grá 
con árbores e rúas silandeiras 
que van desembocar a prazas íntimas 
de nomes de estrela ou andoriña. 
Nos meus ollos levo as súas paisaxes, 
a máxica xeometría das súas casas, 
o seu ceo limpo, azul-grisento, 
sucado de leves nubes camiñantes, 
de brétemas vagas como anceios 
e luceiros que queiman como brasas. 
Nos meus ouvidos gardo o son sutil 
do vento cantando nos carballos, 
o musical murmurio dos seus ríos, 
o berro escuro e forte dos seus mares 
e os versos que din as arboredas. 
Esta patria existe. Eu vivo nela. 
Non ten odios, rancores nin envexas. 
Nunca souben, nin sei, o nome seu. 
Mais cando desexo nomear a este país 
os meus beizos énchense de luz 
e, dende o fondo do ser, digo: SALETA.