Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións

sábado, 10 de maio de 2014

luns, 24 de febreiro de 2014

24 de febreiro Día de Rosalía

Hoxe é 24 de febreiro, para min, dende hai uns anos, Día NACIONAL de Rosalía.
Non hai moito máis que dicir que o que di a rapazada dos vídeos que van deseguido. Son vídeos de diferentes anos como exemplos dos centos de actividades que o profesorado fai para sementar nos máis cativos o amor pola nosa fala, pola nosa cultura, pola nosa Nación.
Téñolle especial cariño aos dous primeiros por seren nenos e nenas da miña comarca e ao último, se queredes e perdoade, polo insólito - exótico. Son nenos irlandeses.


sábado, 22 de febreiro de 2014

Desenhando. 24 de febreiro. DÍA de ROSALÍA

Este cartaz fíxeno, como se pode ver, para conmemorarmos o Día de Rosalía

Ás seis da tarde, dende o Casino do Carballiño (diante del, na rúa) imos sacar un micro e un altofalante e comezar a ler poemas de Rosalía implicando á xente que, nese momento, pase por alí. Para facer algo máis de ruído vai estar acompañándonos un gaiteiro ou unha gaiteira que interprete a "Alborada de Rosalía" e algunha peza máis.

De entrarlle aos/ás viandantes para que colaboren xorde a idea do nome da celebración: ASALTO ROSALIANO.





Rosalía de Castro sempre me trae ao maxín a lembranza de ser a autora do primeiro libro en galego que tiven nas mans. A miña xeración, a xente que andamos arredor dos 50, aniño arriba aniño abaixo somos quizais a última xeración cega, xorda e, en ocasións, muda cara á súa cultura porque, simplesmente, no ensino non existía e o que tiñamos arredor, nenos como eramos, non o viamos como cultura.

Agora tamén se pretende volver a negar o que somos máis as ferramentas, as armas, os medios para loitar contra diso son máis e están máis repartidas.

Ao que ía, lembro ese libriño, un "Follas Novas" que me emprestara un bo amigo, como algo insólito. Lembro tamén como o non ter costume, hábito de ler en galego me levaba á tradución mental inmediata ao español, como aínda fago hoxe co francés por ser o español a lingua na que asentei esa lingua no estudo... e mira que fago esforzos por traducir ao galego...

Menos enredarme e vaia a miña homenaxe particular a Rosalía no poema e na música que vai deseguido.

Xan

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai á misa cos nenos,
e fái o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.

Pepa, a fertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentras seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira se hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
traillo en baixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera antre as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:
-Por Dios non barulles moito...
que me estou mesmo morrendo.
-¿Pois que tes, ña mulleriña?
-¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio...
-Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentras os meniños deito.

De bágoas se enchen os ollos,
de Xan ó ver tales feitos;
mas non temás, que antre mil,
n'hai máis que un anxo antre os demos,
n'hai máis que un atormentado
antre mil que dan tormentos.





De madeira



Esta fotografía xa a tirei hai tempo e, lembrando este poema que a súa autora, Concha Rousia, xenerosamente se encargou de mandarme completo, ocorréuseme usala para ilustrar o texto.
O poema está dedicado á súa propia nai e, por tanto, está dedicado a todas as nais do mundo.
Grazas Concha por seres tan gran poeta.

DE MADEIRA

De madeira os ramos da macieira que sobem
que separa o lugar de dormir e o aconchega
De madeira a ucha de guardar o linho
De madeira a artesa onde se amassa o pão
De madeira o arcaz do grão e a tega de medi-lo
De madeira o berço dos meninos que medraram
De madeira a escada que sobe ao sobrado
De madeira a espeteira das garrafas
e as prateleiras da louça
De madeira os bancos e a mesa de jantar
De madeira a cama e a mesa de cabeceira
e o espelho
e o móvel da almofia
De madeira o lume que te faz topenear
De madeira o escano no que adormeces
De madeira o sonho e o barco no que foges
salvando o mundo das chamas
De madeira a porta e o fecho que se abre
e te faz acordar
De madeira as chancas da vizinha que entra
pisando as tábuas do sobrado
De madeira a vara que leva para enxotar os cães
e o seu medo
De madeira as castanhas que assareis esta noite
De madeira tu que te sabes manter firme como pau
De madeira o caixão no que deixarás este mundo
polo Além

Concha Rousia


Sei dun País...

Este blog nace sen pretensións, tenta ser o caderno de notas que sempre tiven nun espazo diferente. Por aquí aparecerán dende traballos ou experiencias miñas na fotografía e no deseño até pequenos textos, aos que tamén lle poderei chamar experimentos. Tamén pode aparecer cousas que me asombren, cousas que me emocionen, divirtan ou intranquilicen sexan ou non, estea ou non relacionado con elas.
Tan só intentarei seguir unha premisa que tamén sigo no meu día a día, o bo gusto e a beleza deberán primar neste espazo. Sei que a beleza é como todo, depende de quen percibe a mensaxe. Por tanto rectifico sen rectificar para dicir que a miña premisa será o que para min, para a miña percepción e sentidos considero bo gusto e beleza.
De seguido reproduzo un fermosísimo poema, cuxo título, dá nome a este blog. Trátase de "Sei dun país..." do poeta chairego Manuel María.

Sei dun País...  
Sei dun país que existe e non existe: 
é unha patria terreal e humana 
que envellece comigo día a día. 
Teño na lembranza o seu recendo 
a terra húmida, rosas e loureiro. 
Habito as súas cidades exemplares 
feitas de amor, dor e pedra grá 
con árbores e rúas silandeiras 
que van desembocar a prazas íntimas 
de nomes de estrela ou andoriña. 
Nos meus ollos levo as súas paisaxes, 
a máxica xeometría das súas casas, 
o seu ceo limpo, azul-grisento, 
sucado de leves nubes camiñantes, 
de brétemas vagas como anceios 
e luceiros que queiman como brasas. 
Nos meus ouvidos gardo o son sutil 
do vento cantando nos carballos, 
o musical murmurio dos seus ríos, 
o berro escuro e forte dos seus mares 
e os versos que din as arboredas. 
Esta patria existe. Eu vivo nela. 
Non ten odios, rancores nin envexas. 
Nunca souben, nin sei, o nome seu. 
Mais cando desexo nomear a este país 
os meus beizos énchense de luz 
e, dende o fondo do ser, digo: SALETA.