Lembrei hoxe esta narración coa que tiven a honra de gañar o concurso de RELATO CURTO "LAREIRAS E POTES" na súa edición do 2009. Coido, e se non é así vaian por diante as miñas desculpas, que non houbo máis edicións deste concurso tan interesante pola temática do mesmo.
Este é o relato, agardo que gustedes del:
A RECEITA É MIÑA
Aí podrezas ti e mailo forno, interesada da miseria! E todo por un nada que che se pide, Hai que foderse! Para máis inri aturar este puto tránsito do domingo, é que non teñen remedio! O sábado para a aldea, como non? A destripar torróns e que o espírito aldeán non se perda. E o domingo? Pois o domingo del señor a foder aos demais porque claro, non hai mellor xeito de coller folgos para traballar o luns que pasar toda unha tarde festiva na autovía coa droga do fútbol dálle que te pego na radio dos collóns. Pero quen tería a feliz idea de chamarlle autovía a isto? Non, se a algúns que chaman enxeñeiros tiñan que poñelos a traballar cun pico e unha pá e non deixalos soltos cobrando por debuxar o xeito de matar aos demais no negro alcatrán.
Para onde vas burra do carallo? Non ves que aí adiante tamén están parados? Xa te crerás un fenómeno adiantando tres míseros sitios! Machiño, que por moito que fagas non chegas ao do canal plus. E este de diante? Matrícula de Ourense, como non? Iso si, ben seguro que leva a mala do carro ateigada de cebolas, patacas, tomates e un pito xa desplumado e sen tripas, e ben tesiño de comer millo e escaravellar pola horta adiante.
Cada vez que o penso menos me colle no caletre. So lembrar como se puxo a vistesantos da miña irmá por preguntar pola receita da Torta é que me…, foder!, é que non ten ningún senso. Nin que lle quixera corta-las mans canda a información! Nótase ben que o papá finou, que cando el estaba non tiñas estes fumes. Que agochado o levabas, bruxa latriqueira! E aínda ten a ousadía de dicir o moito que sacrificou ela para que eu estudase, será falsa a moi… Que se quedou a coidar a papá e por iso non casou, que se perdeu a xuventude traballando na pastelaría mentres eu vivía coma un rei en Santiago, que se nunca dei pancada nin na casa nin no negocio. Non casaches porque ninguén te quixo, que sempre fuches un figo paso malhumorado.
Maricón! Seica non tés outras luces no coche? Queres longas? Pois toma longas e así cegues polo camiño!
Agora que lembro, coido que o único que te aturou un chisco foi o Andrés do Pombal e acabou aborrecido, que el mesmo mo contara, porque en medio ano non lle deixaras nin tocar unha teta. Pois agora, como non chas toque o san antoniño de pau de avelaira non chas vai tocar ninguén máis, que xa se sabe, catro efes ten a miña tía: fea, fraca, frouxa e fría.
Pégate, ostia, pégate a ver se nunha destas freo e me vés bica-lo cu! Que puto costume teñen algúns. Si home si, adianta e vaite que igual pensas que por facer iso es moito máis home.
É que non hai máis cousa na radio que fútbol e fútbol? Que xa está ben, que non todos somos tan simples… Vou cambiar o dial que xa canso de tanta pelota. Home isto xa é outra cousa, que delicia! Cantas veces cantamos isto na casa polas festas! Ven bailar Carmiña, Carmiña, Carmela, con zapato baixo e media de sedaaa...
* * *
Non, se este meu irmán non ten mellor idea para pasar o domingo que vir tocarme a cona. Tres anos e pico sen saber ren del e aparece pola porta para me pedir a receita. Pero, este ou non as pensa ou viuno unha meiga! Meiga, meiga… o certo é que xa hai moito que a ten, que para mal de ollo e pensamento torto chega ben a seca da miña cuñada. A “señora marquesa” que nin se dignou a vir con el, non vaia ser que colla cheiro de aldea e non a aturen mañá no Instituto. Si, outra e iso, sempre fachendeando de que traballa no Instituto. Claro que traballas nel, claro, pero o que non dis é que estás nas oficinas, e grazas a unha oposición amañada de auxiliar administrativo, que ben te arrastraches co teu sogro para que falase con aquel cliente noso, catedrático e presidente do tribunal que te ía examinar.
- Ola Carmiña, boa tarde ou case noite que con isto do cambio de hora… Por favor, ponme unha Torta que marchan meus fillos para Santiago e non poden pasar sen ela. - Aí tés, e dille ao teu home que non esqueza vir amañar a billa da cociña. Xa hai días que o chamei e non deixa de pingar. - Toma, son vinte euros, non si? E non te preocupes que en canto chegue á casa xa llelo lembro, é que estes días tivo bastante traballo e… - Nada muller, tampouco é morte de cristián, que veña cando poida pero que non o esqueza. - Xa me encargo eu de apuralo, descoida e ata mañá Carmiña. - Abur, abur!
E nin máis nin menos que a receita da Torta! Pero é que non as cavilan! Toda a vida vivindo coma un rei á costa da familia. Cando neno, como a mamá morreu no paritorio, criado co maior mimo do mundo, logo que se os estudos e a carreira, despois que se cartos para montar un bufete de non sei que, máis adiante para axudar co piso e agora… quere roubarme o meu “pan de tódolos días”. Abofé que non o entendo! Non sei se pisaría o forno dúas veces dende que cumpriu os dezaoito e sempre foi para pedir cartos, xamais para botar unha man e ven hoxe, que xa non vive o papá coa leria de que a receita é familiar. E o carallo! Ben escrito que quedou no testamento que a pastelaría e a casa onde ela está con todo o que ten dentro para min e o piso da praia para el. Despois de enzoufarme con fariña toda a vida facendo milleiros e milleiros de Tortas sen máis axuda que a destas mans ven o comenenciudo a reclamar o que non é seu. Pois agarda sentado que a espera é longa, meu queridiño…
E aínda ten a cara de ameazar con denunciarme, érache boa! Denuncia oh! Denuncia! Que vas ti a bo lado. Malpocado! Cos anos que tés e sendo o fillo do Rei da Torta de Sandriz e aínda nos reparaches que a receita nunca estivo escrita, que a aprendín do papá e de que a fomos mellorando ao longo do tempo sen xamais poñela nun papel.
Vou poñe-la radio a ver se me relaxo un chisco. …e media de seda, de seda calada, ven bailar Carmiña… miñaaa namorada…
O Carballiño, decembro do 2009
Eladino Cabanelas Fernández
Ningún comentario:
Publicar un comentario