xoves, 11 de febreiro de 2016

Fotografando 18. Entrudo en Lazarim

Após varios anos desexando pisar terras portuguesas no tempo do Entroido, este ano, ao fin, decidímonos e collemos o Domingo Gordo ruta a un dos Entrudos portugueses mellor conservados, de facto eles o publicitan como o “Entrudo máis genuíno de Portugal”. Estou a falar do Entrudo de Lazarim, dentro do Município de Lamego, na rexión da Beira Alta.

Mais antes de contarvos algo das experiencias vividas na Vila de Lazarim aproveito para aconsellar a quen isto les que, se algún día vas, ou ben a este Entrudo, ou simplemente, vaias rumbo ao sul dende Chaves, hacia Viseu por exemplo, saias da autovía en Vila Real e collas a antiga estrada nacional ate Peso da Régua. Só por ver esas paisaxes domeadas pola man do home para cultivaren en socalcos imposíbeis o viño da Ribeira do Douro, xa merece a pena a viaxe, é impresionante!

O primeiro que nos sorprendeu ao chegarmos á Vila de Lazarim foi que é unha aldea relativamente pequena, o hábito de asociarmos vila cun lugar grande ten parte na sorpresa. Despois soubemos que en Portugal tamén poden adquirir a categoría de vilas certas localidades por razóns históricas, culturais e mesmo arquitectónicas. Este é o caso desta freguesía.

Unha vez deixado o carro onde non estorbase, tal e como cando imos a calquera das nosas festas, ben arrimado a un valado e cos espellos recollidos na única e estreita estrada pola que chegamos, buscamos un lugar onde comer que non foi outro que a escola, acondicionada pola asociación cultural da Casa do Povo de Lazarim, para este menester. Aquí, ben acompañados dunha caneca de tinto da casa delicioso e gorentoso, acabado de quitar do pipo, demos boa conta dunha grelhada de porco onde probamos por primeira vez o chouriço preto e a alheira de presunto e broa de milho. Exquisito!! E digo exquisito co senso español e non co portugués ou tradicional galego que, como ben sabes, é outra cousa ben diferente.

De sobremesa, xa na praza onde se ía desenvolver o Entrudo, catamos biscoito da Teixeira cunha copiña de licor de noz nun dos postos de gastronomía que alí había.

Aquí foi onde levamos un pequeno desgusto ao sabermos que non iamos ver todos os “caretos” posto que alí o día de maior celebración é a terça feira (martes), mais por outra banda, si iamos gozar dun pequeno desfile de confraternización na que estarían de convidados “caretos” da zona de Bragança, concretamente de Grijó e Salsas e uns personaxes do entroido asturiano “antroxu” que se chaman “sidros”. Total, que iamos ver personaxes ou carautas de tres entroidos tradicionais da península ibérica sen movernos do sitio.

E así foi, xa excuso dicir nada máis posto que pretendo que as fotos dean algo de idea do que vimos. Por suposto que non faltaron os sons das gaitas e dos bombos tradicionais e algunha que outra comparsa de xentes de Lazarim.

Viva o Entrudo!!!! 

 LAZARIM





*****************

AGARDANDO CON IMPACIENCIA





*****************

GAITEIROS DE BRAGANÇA



 *****************

CARETOS DE GRIJÓ E SALSAS
 









*****************

SIDROS DO ANTROXU ASTURIANO







*****************

OS MARAVILHAS





*****************

CARETOS DE LAZARIM
 






 *****************

O PÚBLICO (RETRATOS ROUBADOS)












Ningún comentario:

Publicar un comentario