sábado, 22 de febreiro de 2014

Ispaniya (URSS 1939)

Buscando cousas sobre a Guerra Civil atopeime con esta película rusa que, á par do interese que xa ten pola temática e a época na que foi rodada, podémoslle engadir unhas fermosas imaxes e cantigas gravadas na Galiza dos anos trinta. A película ten como lingua o ruso e está subtitulada ao italiano e, se tan só queredes ver a parte na que se ve a Galiza, esta está ao comezo do filme.
De seguido resumo algunhas cousas interesantes deste filme sacadas da web da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
Ficha técnica.


Dirección e Montaxe: Esther Shub.

Guión: Vsevolod Vishnevsky.
Fotografía: Roman Karmen, Boris Makaseyev.


Sinopse: Documental de montaxe realizado trala fin da guerra civil española. Esfir Shub (Esther Shub) a partir das imaxes rodadas por Roman Karmen e Boris Makaseyev durante o conflito como correspondentes dos noticiarios soviéticos, xunto con material de propaganda de ámbolos bandos rodados por cámaras republicanas e fascistas.


Xa durante a estancia de Karmen en España, a dirección dos estudos Mosfilm, en Moscova, pensara na realización dunha longametraxe baseado no seu material. Como realizadora prevíase á mestra do «cinema de montaxe» Esfir Shub.
Ispanija nace nunha situación política peculiar. Trala derrota da república española, Stalin ofrece a Hitler un pacto de non agresión. A ata entón forte propaganda antialemá desaparece. A política interior da URSS inflúe no desenvolvemento do proxecto. Michael Kolstov, correspondente da «pravda» en Madrid durante a Guerra Civil, previsto como escritor do guión convértese en vítima das purgas stalinistas. Detido e deportado fusilárono con probabilidade no 1942. Roman Karmen previsto como supervisor e colaborador de Esfir Shub ten que marchar á China para filmar a loita contra os xaponeses. No lugar de Kolstov puxeron ao escritor soviético Vsevolod Vichnevski -guionista de Os mariños de Kronstad e fiel seguidor del «realismo socialista».


A realización de Ispanija (URSS 1939) convértese nun acto de balance ideolóxico: a república española perdeu a guerra. O filme ten que presentar esta realidade sen parecer derrotista ou pesimista. Así atópase unha solución narrativa clásica: a fin de Madrid como traizón contra o pobo invencíbel. O golpe de Besteiro preséntase como complot trotskista: «O traidor Miaja prepara unido cos trotskistas e coa quinta columna un forte golpe contra o pobo» declama o comentario. Tamén as causas da guerra quedan sen explicar. A través do pacto Hitler-Stalin evita o comentario a alusión directa á axuda alemá para Franco. Só a frase «Franco, o verdugo hispano-alemán» menciona o eixo Burgos-Berlín. A pesar desta breve frase o inimigo queda como unha forza abstracta, sen nome nin nacionalidade. Curiosamente crea a montaxe referencias que reprime o comentario: Un avión ardendo coa esvástica, a pintura «¡Viva Hitler!» nun pobo aragonés mostran por un lado que Ispanija é produto dunha transición da política exterior da URSS e por outra banda que a censura dos anos 30 se orientaba sobre todo aos comentarios dos documentais.

Dramatización e cambio do referente.

As tomas captadas por Roman Karmen complétanse con materiais filmados por operadores españois e por planos procedentes da propaganda fascista. Na montaxe, Esfir Shub mestura e dramatiza habilmente os materiais dispersos para lograr unha forma narrativa e unha lóxica interna dos acontecementos.

Un exemplo de cómo se cambia o marco referencial do material orixinal é a secuencia de San Sebastián. Esfir Shub dramatiza o material da primeira versión de K Sobytijam W Ispaniji e constrúe unha escena exemplar que implica os acontecementos que virán. Esta primeira bomba prepara xa ao espectador para os bombardeos de Madrid e Barcelona. Na súa esencia narrativa, no seu contido dramático, esta escena lembra a película de Alfred Hitchcock The birds (Os paxaros, EE.UU., 1963): No momento no que a protagonista sofre o primeiro ataque dunha gaivota.

Hai outras partes da película nas que se dramatiza o material case ata unha ficcionalización:

Nas escenas introdutoras vense tomas dunha aldea galega. É probábel que se trate de imaxes do desaparecido documental Galicia, que mencinara o ex director da empresa Film Popular Manuel Colino nunha entrevista. A imaxe de dous labregos engade ol comentario un diálogo ficticio: «Soubéchelo?, as Cortes proclamaron novos dereitos para nós». – «Si, pero cómo van a reaccionar os latifundistas?», As relaciones históricas expóñense a través de arquivos, e son, sen dúbida, auténticos labregos, pero a voz do locutor, a voice over, dramatiza o material.

Tamén as imaxes do inimigo, la autorepresentación da propaganda da España franquista, concéntranse a través de montaxe e música cara a escenas escuras e medievais. Os habilmente montados movementos producen unha certa sensación de claustrofobia. Os requetés, os frades, o miliciano católico co crucifixo teñen como fondo musical zarabandas arcaicas. O comentario: «A igrexa loita para Franco. estes homes proceden das familias latifundistas máis ricas de España», é case pura redundancia, a construída realidade do inimigo xa convence sen comentarios.

En Ispanija reflíctense a teoría maila práctica do cinema revolucionario dos anos vinte.

- Wolf Martin Hamdorf: «Madrid-Moscú. A Guerra Civil Española vista a través do «cinema de montaxe» soviético».















Ningún comentario:

Publicar un comentario