venres, 28 de febreiro de 2014

Cinema animación 4. O vendedor de fume

O Vendedor de fume foi galardoada co Goya á mellor curta de animación na súa edición do 2013.


Foi realizada por Jaime Maestro e os/as seus/súas estudiantes en Primerframe, unha escola de animación 3D de Valencia. Foi recoñecida por ser una mostra da comuñón entre técnica, narración e relevancia creativa conectada coa actualidade. 
Un ilusionista acabado de chegar a un pobo que semella ancorado en si mesmo gaña a adoración dos seus veciños e veciñas ao transformar calquera cousa co poder do seu envolvente fume máxico. Porén, detrás desas estelas de fume, segue a verdade e é así como O vendedor se converte nunha das alegorías mellor logradas sobre España e a súa crise. Esta obra, cuxo estilo remite ás curtas iniciais de Pixar, demostra o potencial que ten contar ben unha historia que, por sinxela, logra reflectir a realidade dun país que xa coñece as consecuencias do fume.

recomendábel ver a pantalla completa

Desenhando. A Terra sabe a loita. Testemuño de rebeldía labrega

A terra sabe a loita.
Testemuño de rebeldía labrega.

Este é o título dun fermoso libro con dous DVD's que tiven a honra e o pracer de enmaquetar na súa totalidade. O texto, obra de Emilio López Pérez, eterno loitador polos dereitos do agro galego, vai acompañado de numerosísimas fotografías e outros documentos que axudan a visualizar toda unha época, así como con dous valiosísimos DVD,s con imaxes daqueles tempos e o testemuño de quen foron protagonistas.
Publicado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas podédelo atopar en moitas librarías do País.



Fotografando 4 - Ribas de Sil

Estas dúas fotografías, aínda que non o pareza, están feitas sen filtro ningún nin con retoque posterior. Están tiradas no interior da igrexa do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil coa luz que pola tarde se coaba polo rosetón da fachada. O resultado foi, para min, moi fermoso.



martes, 25 de febreiro de 2014

Fotografando 3 - Amsterdam (1)

Van algunhas fotos da viaxe a Amsterdam en 2011. Cidade impresionante se superades o "medo" a que vos atropele unha bicicleta. Corido, contrastes, culturas, modernidade e conservación do patrimonio... Unha cidade para voltar. As fotos que irei colgando son momentos que entraban por a retina e que cumpría fotografalos. Logo algo de retoque para acadar o obxectivo desexado ou... aproximado.








luns, 24 de febreiro de 2014

24 de febreiro Día de Rosalía

Hoxe é 24 de febreiro, para min, dende hai uns anos, Día NACIONAL de Rosalía.
Non hai moito máis que dicir que o que di a rapazada dos vídeos que van deseguido. Son vídeos de diferentes anos como exemplos dos centos de actividades que o profesorado fai para sementar nos máis cativos o amor pola nosa fala, pola nosa cultura, pola nosa Nación.
Téñolle especial cariño aos dous primeiros por seren nenos e nenas da miña comarca e ao último, se queredes e perdoade, polo insólito - exótico. Son nenos irlandeses.


domingo, 23 de febreiro de 2014

Documentário "Não me obriguem a vir para rua gritar"

Vaia este documentario como homenaxe a grandísimo José Afonso "Zeca" no aniversario da súa perda, o 23 de febreiro do 1987.


Zeca Afonso. O Home e a Obra marcaron a toda unha xeración de portugueses. E deixaron unha herdanza social e cultural ás xeracións seguintes. Todos temos algo de Zeca Afonso, un home cuxo xenio ultrapasa calquera época ou catalogación. Un home cuxa mensaxe se vehicula por letras que se revelan sempre actuais.

"Eu sou aquilo que fiz". Este programa de homenaxe ao Zeca Afonso é unha retribución por todo aquilo que el nos deu.

A SubFilmes convidou por iso varios artistas de áreas criativas contemporáneas para criaren unha obra de arte especialmente para o Zeca Afonso un filme, unha música, un deseño, unha animación de motion graphics. Será esa a interpretación, a homenaxe, o tributo de cada un destes artistas.
Así, podemos ter unha colaxe dun artista de street art, unha reinterpretación dun tema do Zeca ou unha produción de teatro. Rádio Macau, Nancy Vieira, Couple Coffee, Vicious 5, Raquel Tavares na música; a compañia de teatro Primeiros Sintomas; a dupla de videojamming Daltonic Brothers; Target e Mosaik no street art; Quebra-Diskos no turntablism; etc.

Alén diso, graváronse varias tertulias, cuxa conversa xira sobor da importancia do Zeca encanto músico e activista, mais principalmente á volta da figura humana que foi o Zeca.

A aposta forte deste programa reside nunha abordaxe de contidos que pretende captar por un lado a actualidade da mensaxe do Zeca e por outro a faceta máis humana da súa vida.




sábado, 22 de febreiro de 2014

Entrudo

Todas e todos somos coñecedores da importancia que o Entroido ten na Galiza. mais que ninguén pense que o entroido rural ficou reducido á nosa terra. Moitas son as manifestacións desta festa ancestral que perviviron, con poucas variacións, dende hai moitos, moitos anos ao longo da xeografía europea e americana.
Portugal, como non podía ser menos, fai continuidade coa nosa terra no que a estas festas atinxe. Fóra fronteiras, o Entrudo portugués é unha continuidade co noso, pervivindo ritos e costumes, manxares e músicas.
Eís dous exemplos de mascaradas da "Galiza do Sur".


O Entrudo Chocalheiro, protagonízano endiañados e coridos Caretos na aldea de Podence, Macedo de Cavaleiros en Trás Os Montes. A partir do «domingo gordo», os Caretos reinan por toda a rexión, a cuberto das súas máscaras de madeira e exóticos traxes de cores feitos de lá e mantas, . Invaden as rúas da aldea coaschocas ás costas. 


A aldea de Lazarim, situada na rexión Douro Sul, festexa o Entrudo entre comadres e compadres que levan máscaras artesanais que permiten libertar as mentes do pobo sen revelar o rosto, gañando a identidade de Careto.

As máscaras feitas de madeira de amieiro polos artesáns locais anuncian o ritual que dá inicio ao ciclo de festividades que comezam semanas antes da Terça-feira (Martes) Gorda de Carnaval. 
O compadre e a comadre, os dous de sexo masculino, lideran o cortexo, que alimenta a rivalidade entre sexos, que traban un axuste de contas atraveso de tiradas picantes.

Rematamos cunha cançao mítica de José Afonso: Moda do entrudo: