sábado, 7 de marzo de 2015

Os 30 e pico anos de Milladoiro

Por casualidade, fedellando por Youtube, atopei o concerto de Milladoiro que deixo no blogue. Corresponde ao que deron co gallo do seu 30 aniversario no teatro Rosalía de Castro da Coruña e que titularon Desde Maeloc...
Que dicir deste grupo? Eu son dunha xeración na que a súa música supuxo o reencontro coas raíces, o orgullo pola nosa música e o sentemento de que sendo galegos, sendo galegas, fachendeando do noso, podiamos ir polo mundo adiante coa cabeza ben ergueita e pregoando Son galego, son dunha terra cunha grandísima historia e cun gran futuro a pesares de todos os intentos -os de onte, os de hoxe... e os que virán- de negársenos a nosa cultura, a nosa propia memoria, en definitiva, a nosa identidade.
Ogallá poida haber outros 30 anos de Milladoiro o mesmo que, como mínimo, mil anos máis dunha Galiza con conciencia de seu.
Para quen non sexades tan seareiros deste grupo, para que vos interesedes por el, copio deseguido a entrada da galipedia sobre Milladoiro


Milladoiro é un grupo musical galego de folk, creado no ano 1979. Está considerado como o máis internacional dos grupos galegos, e un dos máis importantes investigadores de novas sonoridades para o folk galego.

Historia
O grupo orixinouse cando Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Ramón García Rei, membros de Faíscas do Xiabre, xuntáronse con Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Estes últimos xa publicaran un disco co título de Milladoiro, de referencias medievais, no que colaborara Ferreirós. Así mesmo, Seoane e Romaní colaboraran con Faíscas no seu disco In memoriam. A formación completaríase con Xosé A. Méndez, frautista procedente da música de cámara, e Laura Quintillán, violinista de orixe uruguaia. A súa primeira actuación foi o 15 de maio de 1979, no auditorio do Colexio dos Salesianos, e nese mesmo ano editarían no seu primeiro disco, A Galicia de Maeloc, cun repertorio artellado a base de música galega tradicional, composicións irlandesas e música composta polo propio Seoane.
Durante os anos o grupo foi evolucionando cara a unha música cada vez máis elaborada, de aspecto clásico, pero que mantén as súas referencias na música galega. Moitos dos seus traballos son resultado de encargos para institucións, bandas sonoras de películas ou música para exposicións, nos que tamén deixa pegada o folclore galego e irlandés. Os seus discos e directos manteñen a alternancia entre o repertorio máis folk e as pezas de carácter máis concertista. Milladoiro está considerado como un dos pioneiros da modernidade no folk galego, innovando nas combinacións instrumentais pouco habituais, ou sendo o primeiro grupo folk que gravou música acompañados de pandereteiras.
O grupo ten colaborado con artistas como Paul WinterBill WhelanAna BelénPaddy MoloneyOlga CepaOskorriKathy MatteaSusana SeivaneAnxo PintosEileen IversRhonda Larson ou Liam O'Flynn. O grupo colaborou así mesmo nun episodio da serie Os celtas divírtense, gravado pola BBC en Galicia e Escocia.

Máis información: Galipedia ou na web de Milladoiro

mércores, 4 de marzo de 2015

Documentario. As silenciadas

As silenciadas é un documentario histórico que recupera historias de vida, inseridas no seu contexto, de numerosas mulleres que andaron na clandestinidade ou apoiaron desde a chaira o movemento guerrilleiro. Por defendelo, foron duramente represaliadas: morte, cárcere, tortura física e psicolóxica, exilio… O seu papel foi fundamental na supervivencia deste movemento de resistencia e cómpre coñecelo.
Palmarés: 
- Premio Mestre Mateo 2012 ó mellor Documental
- Premio “Memoria i Justicia Universal” no Festival Internacional de Cine de Derechos Humanos de Santa Coloma de Gramenet (2011)
- Premio “Popular runner up” no Festival internacional online Humanity Explored 2013
- Finalista no Festival Primavera de Cine. Vigo 2012
- Finalista do Festival Internacional Memoria Rural 2011 (Santa Cruz de Moya, Cuenca)
- Seleccionado na Mostra Paralela do Festival Internacional de Cine Documental sobre Género (Soria 2012)
- Finalista no Festival Xociviga 2012, Carballiño.
- Selección oficial Mostra de Cine Xociviga 2011
- Selección oficial I Invernada de Cine de Xermade. 2013.
- Selección oficial 2ª Mostra Cine e Memoria. Gondomar. 2014

Duración: 66′
Investigación: Aurora Marco
Guión: Aurora Marco, Pablo Ces
Dirección e montaxe: Pablo Ces
Prod. executiva: Aurora Marco, Fran Naviera
Dir. de producción: Xosé Luis Ces,
Op. Cámara: Jose Luis S. Rodriguez, Jose Segura, Chis C. Laiño
Dir. Musical: Pilo Sierra
Música: Pilo Sierra, Kilo Reimúndez, Xacobe Lamas
Prod. Musical: Kiko Reimúndez, Paz&Records
Sonido: Manuel Rega
Aux. dirección: Dolores A. Rodríguez
Subtítulos: Mariló Arias
Grafismo: José Brey Blanco